domingo, 13 de setembro de 2009

Os efectos do cambio climático


Mapa de riscos de desertización por provincias.
Poderiamos dicir que entendemos por cambio climático a alteración das variables históricas do clima a escala global ou rexional. Este cambio nas variables climáticas parece preocupar ás autoridades mundiais dende non fai moito tempo, aínda que xa é motivo de preocupación para os grupos ecoloxistas non gubernamentais dende os anos oitenta do século vinte. Ata agora moitos detractores da súa existencia achacaban as alteracións climáticas á variabilidade histórica do clima, verdade irrefutable cando o home non tiña capacidade de influencia sobre os mecanismos que o regulan, Pero a partir da Revolución Industrial do século XIX, coas enormes transformacións de todo tipo que produciu, a capacidade de alteración do medioambiente por parte do home multiplicouse enormemente e os últimos estudios e análises do clima dan como resultado que o cambio climático actual está en gran parte provocado pola acción antrópica.
Outra cousa é que sexa igual de perxudicial para todas as zonas do planeta ou para todos os sectores económicos. Parece ser que favorecerá a unhas zonas que teñen condicións climáticas adversas: moi frías, e perxudicará a zonas de climas favorables: cálidas, ás que podería levar á desertización.
Unha información do diario El País do 12 de setembro de 2009 pódenos axudar a entender mellor este problema.

xoves, 2 de xullo de 2009

España é un país de vellos.


O crecemento vexetativo do Estado español descendeu ata 1998, debido a unha taxa de natalidade moi baixa: o índice sintético de fecundidade alcanzou a cifra de 2,1 fillos por muller en 1981 -que permitía exclusivamente a taxa de remplazo ou o crecemento cero- e continuou descendendo ata alcanzar o seu valor mínimo en 1998: 1,24 fillos por muller. Dende esta data a natalidade experimentou unha lixeira recuperación atribuída, básicamente, á inmigración, xa que a poboación mantén o seu comportamento "malthusiano" ou restrictivo da natalidade. A inmigración colabora a este aumento da natalidade, sobre todo, polo incremento de mulleres en idade fértil, dado que a súa fecundidade, inicialmente máis alta, tende a achegarse á española. Así, o número de fillos por muller das estranxeiras pasou de 2,3 en 1996 a 1,80 en 2006, polo que se prevé que esta recuperación da natalidade será transitoria.
Evolución histórica da estructura por idades da poboación española.

O outro exente dinamizador da evolución demográfica é a mortalidade, que se manten en cifras moi baixas, aínda que ascende lixeiramente desde 1982, debido ao envellecemento da poboación. Polo tanto, trátase dun aumento "aparente" causado polo incremento do número de anciáns, posto que a mortalidade real continua descendendo, como o demostra o aumento da esperanza de vida.

Naturalmente, a nova situación demográfica produce novas situacións sociais e a aparición de novos problemas, que os Estados occidentais terán que resolver en breve.
Algúns destes problemas comenzan a visulizarse agudizados e impulsados pola enésima crise do sistema capitalista. No caso de España o goberno planea unha reforma do sistema de pensións, coa intención de favorecer a saída da crise.

luns, 29 de xuño de 2009

A nosa arte: Xosé Cid


Xosé Cid , estatua de Breogán, na Coruña.
Xosé Cid Menor naceu no pobo ourensán de Calvos da Rabeda o 4 de agosto de 1946. Cursou estudos primarios na escola do seu pobo natal e dende moi xoven comenzou a súa actividade artística, con esculturas e releves en barro e madeira. Plenamente autodidacta, sigue a estela deixada polos membros do grupo O Volter e forma parte da que se podería denominar como "segunda xeración do grupo activo ourensán". Acedeu ao panorama escultórico a comenzos dos anos 70 do século pasado a través das Bienais pontevedresas, participando nos anos 1970, 72 e 74, e nas súas derivacións como a Trienal de Santiago de Compostela, na que gaña a terceira medalla.
A pesar do seu autodidactismo, Cid recordanos os traballos de Buciños, xa que traballa con gran facilidade e gran pureza de composición as formas e os volumes, aos que complementa cunha pátina exterior de grande suavidade e brillo, suprimindo deste xeito as rugosidades excesivas das aristas propias do contorno escultórico e dándolle á obra unha apariencia íntima e persoal.
Os seus modelos están sacados do contorno do artista, son seres, cousas, circunstancias que non son alleas a nós, vémolas a diario na nosa casa, no campo, na aldea, na cidade, no traballo...

Máis petróleo en Tarragona


Parece que a empresa española Repsol vai aumentar a súa producción de petróleo no Mar Mediterráneo frente ás costas de Tarragona. Esta é a noticia que se publica hoxe no diario El País.
Se a noticia é correcta, poderase aumentar a produción, de por sí, cativa. España produciu en 2003, segundo Tecnociencia, 316 millóns de toneladas, valor que non acada nin o 0,5 % do consumo anual do Estado Español, que, como sabemos, importa o 99,5 % do petróleo que consume de países como Nixeria, México, Libia, Arabia Saudí, etc.
Plataforma Casablanca fronte ás costas de Tarragona.

Polo tanto, aínda que a noticia é de valorar, a súa incidencia no mercado nacional do petróleo vai ser moi pequena. Pero constata tamén que esa zona da costa tarraconense é a que oferta máis indicios de agochar petróleo nas súas profundidades de todo o territorio peninsular

domingo, 28 de xuño de 2009

Adeus a Xulio Valdeón Baruque

Fai poucos días, o día 22 deste mesmo més, morreu un dos grandes medievalistas da historiografía española: Xulio Valdeón Baruque. Nacera en Olmedo (Valladolid) en 1936. Tiña, pois, 72 anos, todos eles adicados á Historia. Licenciouse en Historia pola Universidade de Valladolid, en 1967 obten o grado de Doutor, entre 1967 e 1971 é profesor agregado de Historia Medieval na Universidade Complutense de Madrid. Obtivo a cátedra de dita materia en 1971, exercendo como catedrático ata 1973 na Universidade de Sevilla. Dende 1973 é catedrático de Historia Medieval na Universidade de Valladolid. Entre 1981 e 1984 foi Decano da Facultade de Filosofía e Letras de dita universidade.
Foi membro fundador e presidente do grupo editorial Ambito e tamén membro do consello editorial do xornal El Mundo del Siglo XXI e doconsello asesor da revista Historia 16.
En xullo do 2002 foi nomeado director do Instituto de Historia de Simancas. O 16 de novembro de 2001 foi elixido membro de número da Real Academia da Historia.
Publicou unha gran cantidade de obras sobre a historia medieval española e varias xeneracións de estudantes de historia lle debemos entendela mellor a través da lectura dos seus libros. Grazas mestre.

xoves, 4 de xuño de 2009

O título deste blog

Os documentos históricos son un elemento esencial para o estudio da Historia e da Xeografía. Xa arredor de 1950 Lucien Febvre nos seus Combates pola Historia nos refería a importancia das "fontes" para avanzar na investigación: "Os arquivos (documentais) -dicía- son coma graneiros de feitos; hai que saber traballar con eles para lograr un coñecemento científico".
Por iso, debemos ter un máximo coidado na súa utilización e análise. Todos sabemos que un uso descoidado, unha análise superficial ou incompleta reducirá enormemente a súa riqueza informativa sobre o noso pasado... O título deste blog quere ser unha homenaxe aos documentos históricos e xeográficos, en toda a súa globalidade e formas, e establecer normas para o seu uso.

O termo documentum en latín significa: ensinanza, exemplo, demostración, lección, modelo, advertencia, aviso..., como vemos, palabra dunha gran riqueza de significados, e todos teñen un nexo coa aprendizaxe. O título documentalia quere referirse a todo o relacionado cos documentos como ferramentas de aprendizaxe.
A extensión Xea é unha alusión á Gea grega, deusa que representa a Terra, obxecto do estudio da Xeografía.
A segunda extensión refírese a Clío, na mitoloxía grega, musa que inspira e fai aparecer o coñecemento histórico.

Vídeo con referencias á importancia das fontes e dos restos do pasado para a elaboración da historia dunha comunidade local. Neste caso trátase do pobo zamorano de Tábara, situado na raia con Portugal. Presenta unha importante cantidade de restos históricos de case todas as épocas, riqueza que provén da súa situación fronteiriza e propia dunha zona na que se mesturan a cultura vacea e lusitana primeiro e a portuguesa e castelá-leonesa máis tarde.