mércores, 20 de outubro de 2010

Pedro Antonio Cerviño. Un pontevedrés no Virreinato do Rio da Prata. (1774-1810)

Retrato de Pedro Antonio Cerviño.
Corría o ano de 1774 cando Pedro Antonio Cerviño chega a Bos Aires procedente de Campo Lameiro (Pontevedra). Nacera na parroquia citada o 6 de setembro de 1757, é dicir, tiña 17 anos cando foi acollido na que, dous anos máis tarde, sería a capital do Virreinato do Rio da Prata.
O Virreinato foi fundado polo monarca español Carlos III baseándose nas condicións que reunía Bos Aires: a) gozaba dunha inmellorable situación estratéxica no esteiro do Prata fronte ás ambicións portuguesas na zona, b) quedaba relativamente cerca para defender as Illas Malvinas, que neste momento eran apetecidas polos ingleses e franceses, c) Coincidindo con estas circunstancias o monarca español iniciara un proceso de descentralización do imperio americano coa intención de rexilo mellor, o que implicou esgallar do antigo Virreinato do Perú as rexións dos actuais Estados da Arxentina, Bolivia, Paraguay e Uruguay para configurar a nova unidade política.
0
Plano de Bos Aires no s. XVIII.
O primeiro virrei foi D. Pedro Ceballos (1776-1778), que expulsa aos portugueses da costa oriental e destrúe a súa colonia de Sacramento. O segundo virrei foi Juan José de Vertiez e Salcedo (1778-1784), que estableceu as intendencias ordenadas polo ministro Gálvez, fundou as aduanas portuarias e impulsou importantes reformas urbanas na capital. Entre 1784 e 1789 ocupou a sé virreinal o marqués de Loreto, que fundou a Audiencia de Bos Aires. Nicolás de Arredondo o sustitúe entre 1789 e 1795 e pón gran empeño na organización do Consulado ou Cámara de Comercio, na expansión urbana da cidade e na mellora da súa salubridade.
Catro virreis gobernaron brevemente entre 1795 e 1804: Pedro Melo de Portugal e Villena, Antonio Olaguer Feliú, Gabriel de Avilés e Joaquín del Pino, que propiciaron unha estabilidade para o seu desenvolvemento económico. En 1804 o marques de Sobremonte faise cargo do virreinato e reforza as defensas do porto, que non foron dabondo para rexeitar en 1806 á escuadra inglesa de Home Popham, que se fai dono da cidade, aínda que nese mesmo ano volve ao poder dos españois. Entre 1807 e 1809 chega ao virreinato Don Santiago de Liniers cando a inestabilidade preindependentista xa se fixera patente en todo o territorio; acontecemento que Liniers non soupo xestionar eficazmente. Baltasar Hidalgo de Cisneros colleu o testigo de Liniers ata 1810, data da Revolución de Maio, que inicia o xurdimento do Estado arxentino.
Pedro Antonio Cerviño foi testemuña e protagonista de todos estes feitos. Participou en expedicións exploratorias, en campañas militares e manifestouse como un intelectual humanista e ilustrado, participou no proceso emancipador que culminou en 1816. Nel Cerviño defendeu a participanción dos crioulos no poder político do novo Estado, pero mantendo as estructuras sociais do virreinato no novo Estado.
Por todas estas razóns a nación arxentina, que este ano 2010 celebra o Bicentenario da Independencia, homenaxea a todas as personalidades que a fixeron posible. Entre elas está Pedro Antonio Cerviño e a que describimos foi a cidade de Bos Aires que el coñeceu.