venres, 3 de febreiro de 2012

O kaiser Guillerme II en Vigo.

O Kaiser Guillerme II
Guillerme II naceu en Berlín o 27 de xaneiro de 1859 e morreu o 4 de xuño de 1941 no exilio holandés de Doorn, onde se trasladara en 1918 exiliado pola proclamación dunha república alemá pluralista, parlamentaria e democrática despois da Revolución de Novembro de 1918, que implantaría a famosa República de Weimar.
A súa trascendencia histórica provén da súa personalidade autoritaria e megalómana, afirmación que non pretende negar unha intelixencia e astucia destacables, aínda que estas dúas últimas cualidades non conseguiron evitar os fracasos que crearon na politica exterior de alemaña os dous primeiros defectos.
Como consecuencia das súas actividades en política exterior tivo lugar o  paso polas proximidades de Vigo, bordeando as Rias Baixas, para acudir a Tánxer ,o 31 de marzo de 1905, co obxectivo de defender os intereses da independencia marroquina fronte aos acordos franco-hispanos para delimitar respectivas zonas de influencia no Magrev e establecer dous protectorados: un de titularidade francesa e o outro de titularidade española. Protectorados acordados co visto bó de Inglaterra pero co rexeitamento de Alemaña, que tamén pretendia unha zona de influencia  sobre o mesmo territorio.
Mais cando Guillerme II coñeceu Vigo foi exactamente un ano antes, o 15 de marzo de 1904, e a causa , en principio, totalmente festiva e relaxada: o Emperador ía de vacacións ao Mediterráneo e facía unha escala de cortesía na ría. Esa era a versíón oficial. A realidade, que o kaiser citara ao xoven rei Alfonso XIII para unha entrevista sobre a "Cuestión de Marrocos" e recabar cal sería a actitude de España perante unha posible intervención de Alemaña  no norte de Africa.
O iate Xiralda de Alfonso XIII
O monárca alemán chegou ás dúas da tarde no trasatlántico "König Albert" e acompañado polo cruceiro de guerra "Prinz Friedrich Khal" como escolta. As baterías de costa do Castro saudaron a imperial entrada cunha salva de 21 cañonazos. Mentras a representación naval española formaba na ría encabezada polo iate real "Xiralda" e as unidades da mariña "Pelaio", "Urania", "Audaz" e "Vasco Núñez de Balboa" comandadas polo almirante Viniegra.
Ao mesmo tempo que isto ocurría en Vigo, Alfonso XIII, que só tiña 18 anos, viaxaba en tren dende Ourense, despois dunha breve visita a capital miñota, ata a estación de Vigo. Á que chegou a media tarde do mesmo día 15. Na recepción da terminal ferroviaria estaban varios ministros, deputados, o Presidente da Deputación de Pontevedra, a corporación do Concello de Vigo e unha representación da tuna da Universidade de Santiago. De novo, dende o castelo do Castro, a bateria rendía honores reais con outra salva de 21 cañonazos, no tanto en que o alcalde Pérez Boullosa recibía ao Rei, que vestía o uniforme de Capitán Xeneral.
Dende a estación o monárca español dirixiuse á colexiata, onde asistiu a un Te Deum e máis tarde embarcou no "Xiralda" para descansar brevemente. O encontro con Guillerme II produciuse arredor das seis da tarde no trasatlántico alemán, onde se entrevistaron por espazo de 45 minutos. Alfonso regresou ao "Xiralda" e máis tarde o emperador devolveulle a visita. Pola noite os dous monarcas cearon xuntos no "Koenig Albert".
Ao día seguinte, 16 de marzo, os dous Xefes de Estado realizaron unha excursión pola ría ata a Illa de San Simón, regresando pola ribeira norte da ría ata Punta Borneira, onde se produciu un accidente: o pesqueiro "Melitón" colisionou co "Vasco Núñez de Balboa" e tivo que ser remolcado ata unha praia de Cangas. Nas informacións dispoñibles non se especifica cal foi a praia que recibiu ao pesqueiro averiado, pero é lóxico pensar, tendo en conta a proximidade e a gravidade da avería na embarcación,  que se varase na praia de Areamilla ou na praia do Medio, por ser as máis próximas ao lugar do accidente.
Ás cinco da tarde o kaiser saía para as cálidas costas do Mare Nostrum e Alfonso XIII cara a amurallada cidade de Lugo.

Ningún comentario: