xoves, 18 de xullo de 2013

Robert W. Fogel. Un gran amigo da "cliometría"

Robert William Fogel.
Robert William Fogel (Nova Iorque; 1-VIII-1926/Oak Lawn, Illinois; 11-VI-2013). Foi un dos máximos representantes da "Nova Historia Económica", corrente historiográfica xurdida na década dos 60 do século pasado moi influída pola "escola dos Anais". A Nova Historia Económica deulle unha gran importancia aos datos econométricos e ás estatísticas como ferramentas clave para a investigación histórica. Esta atención á econometria suscitou abondosas criticas entre investigadores doutras escolas historiográficas, que tachaban aos defensores da cliometria de "economistas" e non propiamente historiadores. Josep Fontana no seu libro: "La Historia después del fin de la Historia" (Crítica, 1992) e no capítulo 4 adicado á cliometría dí: "Se a cliometría resulta un exemplo privilexiado do problema xeral do cientifismo, é porque en ningunha outra manifestación deste chegaron os historiadores tan lonxe na súa vontade de constituír unha disciplina independente, que collería da teoría económica convencional todo o aparello metodolóxico e só acudiría ás técnicas propiamente históricas para recoller os datos que somete á análise". Estas verbas de Fontana corroboran esta desconfianza da historiografía actual nos extremismos econométricos.
Aínda así, Robert W. Fogel merece un recordo póstumo pola séu alto protagonismo na historiografía da segunda metade do s. XX.
A formación académica de Fogel comenza na Universidade de Cornell, imos obviar a súa xeira pola escola secundaria, onde se graduou do primeiro ciclo da especialidade interesándose pola evolución económica das estruturas sociais, nas que detecta fases de auxe, apoxeo e decadencia e prestando moita atención aos factores que inciden en cada unha delas. Máis tarde licénciase na Universidade de Columbia, onde en 1960 lé a súa tese de licenciatura: "The Union Pacific Railroad", traballo no que somete a estudio o papel do ferrocarril no desenvolvemento económico dos Estados Unidos. Baixo a dirección de Simon Kuznets, que o introducíu profundamente no mundo da cuantificación, forma intensamente a súa personalidade investigadora na Universidade Johns Hopkins. A súa actividade académica continúa na  Universidade de Rochester e, máis tarde, nas de Chicago e Harvard. O tema, o ferrocarril, e a liña de traballo continúan na súa seguinte obra publicada en 1964: "Railroads and American Economic Growth: Essays in Econometric History". Estas dúas primeiras aportacións foron enormemente rompedoras e puxeron en solfa pricipios conceptuais e metodolóxicos comunmente aceptados. En primeiro lugar, pon en dúbida a importancia que os historiadores lle deran ao ferrocarril no desenvolvemento dos Estados Unidos durante o século XIX; para aqueles fora crucial, para él só aportou un 5% á renda nacional. En segundo lugar, utiliza un método de investigación totalmente innovador que se basea case que en exclusiva nos datos numéricos e "cuantitativos", nun momento no que a maioría dos historidores se decantaban pola atención a aspectos "cualitativos". E en terceiro lugar, Fogel introducía conceptos novos coma o "aforro social" e o "contrafactual", que se manexaban no ambito europeo. O aforro social era a contribución do ferrocarril á renda nacional. O contrafactual consiste en imaxinar como serían as cousas se ocurrira algo que na realidade non ocurríu. 
A súa producción bibliográfica continúoo en 1974 coa publicación, en colaboración con Stanley Engerman, de: "Time in the Cross: The Economics of American Negro Slavery", na que defende as bondades da escravitude nos EE. UU., e o importante que foi a súa aportación á economía americana; por outra banda, nesta mesma publicación chega á conclusión de que o trato aos escravos nos estados do sur fora bastante máis levadeiro e condescendente do que dicía a tradición clásica e que o nivel de vida e o esforzo productivo dos negros era mellor que o dos campesiños libres brancos.
Todas estas conclusións e algunhas máis converteron ao historiador econométrico nunha figura altamente polémica. Foi cualificado de racista, cando él estaba casado cunha muller negra, dende diversos sectores sociais e, dende o campo historiográfico, se lle considerou excesivamente "cientifista".
A pesar destes sinsabores o traballo de Fogel non se detivo e en 1993 lle foi concedido o Premio Nobel de economía, que o compartíu con outro gran historiador cuantitativo da escola econométrica americana: Douglas C. North.
Os derradeiroa anos da súa vida adicounos a estudos demográficos, de nutrición e antropometría económica; aspectos que lle permiten calcular a riqueza nas sociedades preestatísticas de Antigo Réxime.
A súa creatividade metodolóxica, o estabrecemento dunha dinámica de debate nos medios historiográficos dos anos sesenta e setenta do século pasado e as súas aportacións ao estudio da Historia Contemporánea nas universidades españolas da época, das que somos debedores os estudiantes dos 70, fano merecedor desta pequena reseña póstuma.