xoves, 30 de xaneiro de 2014

A arte de Asorey en Cangas.

    A vila de Cangas dispón, admirablemente, dunha escultura realizada polo artista cambadés Francisco Hipólito Asorey González. Este monumento enriquece estéticamente e pon en valor un dos espazos tradicionalmente máis emblemáticos da vila: a Alameda de Soaxe. Considerando a gran categoría artística que, con posterioridade a esta estátua, acadou este esgrevio escultor, pero tamén a importantísima calidade creativa e plástica que atesoura esta obra local en sí mesma, os fai merecentes dunhas liñas neste espazo.
O escultor Francisco Asorey.
    O vindeiro 4 de marzo de 2014 conmemórase o 125 aniversario do nacemento de Francisco Hipólito Asorey González, que víu a primeira luz en Fefiñáns, Cambados, o día enriba citado de 1889. Esta efeméride será resaltada cunha exposición e diversos actos de divulgación da súa obra ao longo de 2014 polos dous concellos entre os que repartiu a súa vida: Cambados e Santiago de Compostela. Nós sumámonos dende Cangas a esta homenaxe dando a coñecer a súa vida e a súa obra na vila.
    Asorey recibe as súas primeiras leccións de formación artística na Escuela de Artes e Oficios de Sarriá en Barcelona, sendo supervisado e titorado polo escultor Parellada. Máis tarde, de 1906 a 1909, traballa como profesor de debuxo no colexio dos Salesianos de Baracaldo (Bilbao), ocupación que simultanea coa apertura dun obradoiro de imaxinaría en asociación cos escultores Xulio Beobide e Xoán Guraya. A produción deste obradoiro é de carácter relixioso: Cristo, para a capela dos Salesianos e de carácter profano: Romeiros vascos, Viuva do pescador... En 1909 decide trasladarse a Madrid para enriquecerse no ambiente intelectual da capital e para cumprir o servizo militar. Alí entra en contacto cos talleres de Pola e Collado e, ao mesmo tempo, coñece ao pintor Xulio Romero de Torres, co que comparte vivenda unha tempada. En 1918 gaña, por oposición, a praza de escultor anatómico da Facultade de Mediciña da Universidade Compostelá. Santiago será a súa residencia definitiva ata a súa morte en 1961, onde tamén será profesor na Escola de Artes e Oficios. Durante a súa vida en Santiago contrae matrimonio con Xesusa Ferreiro e abre o seu obradoiro en Caramoniña, a carón do Mosteiro de San Domingos de Bonaval, a onde chegaban moitos xoves galegos coas ansias de aprender do maestro. A partir de agora Asorey participa en certames nacionais e galegos, circunstancia que lle permitirá adquirir un prestixio a nivel do Estado e o recoñecemento popular dos galegos.
      Dende unha perspectiva global, para entender os plantexamentos estéticos de Asorey debemos trazar as liñas básicas do panoráma artístico galego de comenzos do século XX. Neste período a escultura atravesa unha fase de renovación e ruptura cos postulados do s. XIX. Esquece o impresionismo e o modernismo e recupera as formas que veñen da tradición autóctona, onde imperan o arcaísmo e o primitivismo, que levan á expresión plástica a vincularse co primeiro románico e coa valoración da materia.
    Neste contexto, Asorey asume completamente unha temática inspirada no pobo galego: campesiños e mariñeiros serán os protagonistas principais das súas plasmacións. Neles fará estudios anatómicos e antropométricos que definirán á raza galega como unha consecuencia do seu estilo de vida, da súa adaptación ao medio físico que habita e de riscos xenéticos ancestrais. Por outra banda, trata de recuperar a antiga policromía, que xa estivera presente en moitos pórticos románicos e góticos da Idade Media e que enchera de vida a iconografía das arquivoltas, dos tímpanos e dos capiteis de igrexas e catedrais. A derradeira das transformacións refírese á utilización dos materiais orixinais e naturais de Galicia: o granito e a madeira, que lle permiten, coa súa textura, afondar na ruda esencia do ser galego e, consecuentemente, enlazar co galeguismo político que agroma agora na sociedade da nosa terra.
         O inicio da historia do monumento a Félix Soaxe, localizado na alameda do seu nome, na vila de Cangas, remóntase ao ano 1923, cando dende o Centro Recreativo de Cangas se lanza a proposta de homenaxear ao filántropo cangués D. Xosé Félix Soaxe Villarino. Nado en Cangas en 1844, emigrara á Arxentina en 1858, onde fixo unha rápida e sorprendente fortuna, circunstancia persoal que non motivou o esquecemento da súa vila natal, senón que o fixo volcarse na financiación de obras á comunidade para mellorar a calidade de vida dos seus antigos conveciños. Como exemplos destas obras podemos sinalar: o enlousado da rúa dos Barreiros (hoxe, Rúa San Xosé), financiamento da traída de augas, o levantamento da escola de Fonte Ferreira, donación para obras de restauración das bóvedas na Ex-Colexiata e a compra dun órgano para a mesma igrexa e, finalmente, a construcción do Mercado de Abastos de Cangas. O dito Centro Recreativo organiza unha subscrición popular para obter fondos coa fin de levantar un monumento na vila ao ilustre conveciño. Conseguidos os fondos, encárgaselle a Asorey o deseño da obra, da que presenta unha maqueta en xaneiro de 1924, que é aceptada pola Corporación Municipal. Rápidamente o artista se pon a traballar no seu esculpido, que remata ao ano seguinte, 1925. Durante as festas do Cristo dese ano procédese á súa inauguración, que estivo presidida polo alcalde D. Pedro Rodríguez Pérez e á que asistiron o Gobernador Civil de Pontevedra D. Xosé Fernández Villamil, o arzobispo de Madrid e fillo de Vigo Monseñor Leopoldo Eixo Garay, que bendice a praza e o monumento a Félix Soaxe.
Francisco Asorey. Monumento a Felix  Soaxe na alameda de Cangas.
A análise estilística da estatua a Soaxe fainos partir dunha observación panorámica e global para tentar comprender o seu significado. Observación que incluiría, non só o monumento en sí, senón tamén o seu contorno e emprazamento. Dende o punto de vista do espazo circundante e situándonos nunha certa lonxanía para asumir un necesarío sentido de perspectiva, comenzaríamos por dicir que dita observación nos debuxa a silueta dun menhir ou "pedra fita" de máis de catro metros de altura. Feito este nada novo en Asorey. Tamén no monumento a San Francisco, en Compostela, acode a expresividades plásticas procedentes da creatividade tradicional galega para debuxar o perfíl da obra, coa salvedade de que no caso santiagués a transposición temporal é máis recente, xa que a idea proxectada é a dun cruceiro; mentras que no caso de Cangas o retroceso é máis extremo, rematando por recalar nos escuros e pouco coñecidos tempos da Prehistoria da nosa terra. O emprazamento non podía ser outro, nunha vila coma Cangas de forte sabor mariñeiro, sabor que invade todos os aspectos da vida colectiva e que se traduce nunha localización orixinal: á beiriña do mar, cando aínda non se fixeran os recheos que agora o alonxan dese anhelado obxectivo, e na orientación do monumento:  mirando ao mar, mirada que concita as ilusións, loitas e traxedias dos antepasados. Realmente e como veremos máis adiante, Asorey sintetiza neste traballo toda unha homenaxe ao mar: o mar como camiño e o mar como paraíso do sustento da comunidade. Quédanos outro aspecto que atrae a nosa atención antes de rematar este primixenio e globalizador contacto; trátase da mixtura de materiais. A incrustación do bronce coa pedra granítica crea alteracións cromáticas e de textura e, aínda que poida parecer un recurso novidoso, non o é. Xa no século XIX eclepticistas e realistas franceses como J. B. Carpeaux e, en España, Mariano Benlliure, o utilizaran. A súa intencion foi poñer en valor e fusionar os dous materiais básicos utilizados na historia da estatuaria dende a época greco-romana.
É agora o momento de centrarse polo miudo na escultura. A representación escultórica reflicte, por unha banda, elementos figurativos: dúas figuras humanas superpostas; a inferior é unha escultura de corpo enteiro e a superior un busto. Pola outra, elementos xeométricos con clara simboloxía mariña. É unha escultura exenta de bulto redondo e de medianas dimensións que ten como función primordial perpetuar a memoria dun antepasado da comunidade social ao que se quere homenaxear. Neste contexto, Asorey concibe unha escultura de estructura pechada arredor dunha ríxida simetría; se nos fixamos na fronte da estatua, observaremos que o remo do mariñeiro actúa como unha auténtica bisetriz ou eixe axial, dividindo de arriba a abaixo o conxunto en dúas partes laterais exactamente iguais e dotando o deseño dun equilibrio matemático absoluto, que se reafirma nuha subxacente estructura de prisma octogonal da que emerxen todos os demais elementos figurativos e que é só detectable con claridade na parte posterior do pedestal. O movemento e o dinamismo están totalmente inhibidos pola frontalidade e o reposo, que transmiten as dúas figuras principais, polo que o espectador experimenta unha sensación de serea solemnidade durante a súa contemplación que incita ao respecto e á admiración. Poderíase falar tamén dun equilibrio entre figuración e abstracción: as dúas figuras humanas están definidas con moito detalle, facendo honra a concepción realista do momento, pero a partir de ahí, a escultura está saturada de argumentos abstractos so esbozados e dos que se representan aspectos sobresalientes e definitorios; por exemplo: a escaleira de peirao que soporta a inscripción, as dúas proas de traiña que sosteñen o monumento no proceloso mar, o frontispicio do peirao sobre o que soña o mariñeiro e os dous mastros que o flanquean, a torre almeada posterior de calquer castelo ou pazo galego e a corda de rede que bordea a base da torre; todos eles están só esquematizados, insinuados, pero encerran unha enorme carga símbólica: exaltan o traballo do mar e buscan as raíces máis fondas da raza no momento de agromar nas conciencias o feito diferencial galego. Para iso lle sirve a Asorey o desproporcionado pedestal do busto, para concentrar toda a intencionada simboloxía do monumento nun espazo moi accesible visualmente para o espectador que favoreza o didáctismo da obra;para iso, e para renderlle homenaxe ao home ergueito do mar. Un home que o artista no lo presenta tal e como é na realidade, coa súa cotidianeidade, coa súa roupa de traballo diaria, tal e como vai para o mar: coas súas botas de goma, o seu traxe de augas e, por suposto, coa súa boina, o complemento inevitable da vestimenta do paisano galego. En fin, unha síntese costumbrista. A figura do mariñeiro é, técnicamente, unha escultura de bulto redondo adosada ao pedestal, cunha factura labrada bosquexada que lle da á pedra unha textura rugosa e uns perfís difuminados que mitigan a incidencia da luz sobre a superficie. Os pregues da roupa de augas son redondos e grosos, creando unha sensación de amplitude con respecto ao corpo, pero deixando intuir a anatomía fornida propia do home de mar. As máns, a cabeza e a boina están realizadas en bronce, destacando o seu carácter  noble a través do contraste cromático e de materiais, ademais, esta inclusión favorecería a identificación do retrato, xa que o modelo do mariñeiro foi un xove pescador da vila de Cangas ao que Asorey fixo posar para a súa obra, circunstancia que acentúa o realismo do monumento e confirma a preocupación social do artista..
Francisco Asorey. Busto de Xosé F. Soaxe
Pero o lugar de honra do conxunto escultórico disfrútao o busto de Xosé Félix Soaxe. Por iso, se sitúa na parte máis alta do monumento e o seu acabado é totalmente en bronce. Nel, Asorey, realiza un estudo psicolóxico do personaxe, e consegue transmitirnos a imaxe dun home de idade avanzada, que transpira experiencia e sabiduría, cunha tendencia á reflexión e á serenidade. O artista concentra o seu esmero na definición do rostro, mentres que outros aspectos como a vestimenta están so esbozados; isto non quere dicir que, en conxunto, o busto sexa un espazo creativo rematado, nin moito menos. A pesar de renegar do impresionismo rodiniano dende os comenzos da súa carreira, Asorey deixa neste retrato trazas desa herdanza: a non suavización das arestas na superficie escultórica permite que a luz vibre con elas e axude a debuxar as formas e a psicoloxía do personaxe cos efectos de claro/oscuro, o mesmo que ocurre cos "Burgueses de Calais". O deseño remata cunha figura hierática e dominada pola frontalidade e unha certa rixidez xestual, que non diminúe en absoluto o realismo físico e a profundidade psicolóxica que xa comentamos.
En xeral, podemos dicir que o monumento presenta uns volumes macizos, que proxectan unha sensación de pesadez e robustez envolvendo a estatua e impresionando ao observador. Os xogos de luz e sombra adoitan ser fortes na parte frontal, onde se concentran a maior parte dos altoreleves, que favorecendo esta dinámica lumínica dan o toque final á composición da escultura. Neste apartado debemos salientar tamén as diferentes formas de tratamento do granito, no que alterna as superficies e texturas lisas coas rugosas e picadas, alterando, deste xeito, a incidencia da luz nas diferentes texturas, que contribúe a crear maiores efectos de releve e modelado das formas. Efectos que se complementan coa alternancia das técnicas escultóricas empregadas por Asorey: o tallado na pedra e o fundido no metal, diversificando, deste xeito, a estructura cromática e resaltando unhos elementos sobre outros.
Dende un plantexamento academicista deberíamos encadrar a Asorey dentro do realismo, pero sin esquecer que un posicionamento purista poucas veces se da na arte contemporánea e que o máis normal é a existencia dun camiño principal que non é capaz de liberarse doutros menos relevantes  e, ás veces, esquecidos, pero presentes no subconsciente do autor e, polo mesmo, na súa obra. Tendo en conta isto, podemos dicir que Asorey é realista, como correspondía ao contexto creativo e social no que lle tocou vivir. Unha sociedade con clases moi desiguais e, por consiguiente, moi problemática, no momento en que, paralelamente, está xurdindo en Galicia unha conciencia colectiva de pobo diferenciado, que se esforza por facerse visible e presentarse como alternativa política. Estes feitos obrigan ao realismo a reivindicar o apego á realidade cotiá, tratada de xeito obxectivo sen idealizacións e sen pintoresquismos. Dentro deste proxecto creativo poderiamos citar en Galicia, ademais de Asorey, a Xosé Eiroa ou Santiago Bonome.
   

Ningún comentario: