venres, 2 de xuño de 2017

Hugh Thomas: un observador foráneo da Guerra Civil Española (1936-39)

Hugh Thomas na catedral de Santa María de Vitoria (ABC, 9-05-2017)

Hugh Thomas faleceu o día 6-05-1017 aos 85 anos na súa casa de Notting Hill (Londres). Este luctuoso suceso sírvenos de coartada para render unha merecida lembranza póstuma a outro dos grandes "hispanistas" do mundo anglosaxón, que se embarcaron en buscar unha explicación intelixible da complicada Historia do noso país durante o século XX. E que, ademais, influíron no desenvolvemento da investigación histórica contemporánea dentro das nosas fronteiras, promovendo unha renovación dos esquemas metodolóxicos na historiografía española.
A obra de Thomas que tivo maior repercusión na pel de touro foi "La Guerra Civil Española" ( The Spanish Civil War), publicada por primeira vez en Inglaterra na primavera de 1961.
Nese momento non se fixera ningún estudio histórico xeral sobre a Guerra Civil e as súas orixes, desenvolvemento e consecuencias. Se esquecemos as obras, moi anteriores, de Salvador de Madariaga: a segunda metade da súa "España", publicada en 1946, case mesmo ao remate da contenda, e, anteriormente, en 1940, a de Julián Zugazagoitia: "Historia de la Guerra de España". Houbo tamén algunhas historias militares do conflicto, firmadas por autores como: Manuel Aznar ou Luís Mª. de Lojendio. Pero ningunha delas se achegaba o máis mínimo ás claves reais do problema prantexado, lastradas por condicionantes ideolóxicos ou pola imposibilidade de acceso aos arquivos que contiñan os documentos básicos para desentrañar a verdade agochada.
Salvando o libro de Thomas, que se elaborou en liberdade, só mediatizado pola ideoloxía e mentalidade do autor, as demais obras citadas xurdiron nunha atmosfera de encorsetamento ideolóxico abafante, moi pouco apropiada para o desenvolvemento de traballos de investigación satisfactorios e clarexadores da realidade histórica. Nestas circunstancias o pasado recente era un tema tan prohibido coma o do futuro inmediato. Quen tentara profundizar no problema expoñíase a bater cun clima de enemistade, silencio, atrancos e sospeitas de heterodoxia ideolóxica, (riscos que, desgraciadamente, aínda se corren hoxe e que demostran as lacras dunha "transición" tan louvada) que o convertían automáticamente en "inimigo do réxime". Estes condicionantes tamén se fixeron extensivos a análise da II República dende o exilio real de 1931, que foi outra parte dese mundo intocable e bretemoso para a historiografía española.
O primixenio contacto de H. Thomas con España foi en 1955, momento no que era funcionario do Foreing Office (Ministerio de Asuntos Exteriores) británico. Veu á Península de vacacións lendo o libro de Gerald Brenan: "El Laberinto Español" (The Spanish Labyrinth), publicado en 1943 no Reino Unido e máis tarde, en 1962, en París en língua española pola editorial Ruedo Ibérico para ser introducido clandestinamente en España. A publicación de Brenan converteuse na gran soleira de entrada á historia española recente para moitos ingleses, entre eles, Thomas. Neste punto, quizais non sexa arriscado afirmar que Brenan foi o disparador do interése do noso autor pola realidade española, naturalmente, sen desprezar outras posibles suxestións que a visita puidera despertar nel.
Como dí no limiar á edición de 1976: "Escribí el libro con la intención deliberada de ser imparcial", e sen dúbida este foi o seu obxectivo. Pero a edición de 1961 é moi diferente da de 1976. A primeira plantexa a existencia de bastantes lagoas en moitos aspectos do contido, probablemente achacables á falla de investigacións rigorosas por parte dos mediatizados historiadores nacionais, feito que o leva a centrar o seu esforzo na explicación de aspectos menos cruciais, véxase: recalcar a dimensión diplomática do conflicto ou a actividade das Brigadas Internacionais, aspectos con máis doado acceso documental para él debido á súa transcendencia internacional, pero menoscabando o aporte dos factores españois, que continuaban sen apoio arquivístico polo hermético control do réxime.
Cartel de axuda de Francia a España. Centro
Documental da Memoria Histórica.
A finais dos anos 60 e nos 70 do pasado século aparece unha importante cantidade de estudos e monografías sobre a Guerra Civil. O debilitamento do franquismo deixa entrar a luz nos arquivos e permite a desclasificación de moita documentaciónda dando áas á ousadía dos historiadores. Así chegan ás librarías un aluvión de libros co nome da Guerra Civil nas súas portadas: Carr, Raymond: "Estudios sobre la Guerra Civil Española", 1974; García-Nieto, M.C. e Donezar, J:M.: "La Guerra de España, 1936-1939", 1975; Jakson, G.: "The Spanish Republic and the Civil War, 1931-1939, 1965; G. Payne; S.: "The Spanish Revolution", 1970; Tuñón de Lara, M.: "La Guerra Civile in Spagna", 1966; Vilar, P.: "La Guerra de 1936 en la historia contemporánea de España", 1968. Estas e outras moitas publicacións puxeron as bases para a revisión plasmada na edición de 1976. Onde H. Thomas incorpora as novas interpretacións españolas e estranxeiras, que inciden moito máis nos antecedentes e causas da guerra, nos aspectos económicos, sociais ou militares como desencadeantes, cun tratamento distinto e máis considerado cara a figura de Azaña e os anarquistas, sendo máis duro e crítico coa áa esquerda do PSOE e cara a política e liderádego de Franco no bando sublevado.
Pero a lista de publicacións sobre España do noso protagonista non se reduce á obra comentada, senon que acomete outros traballos transcendentais sobre a nosa historia da Época Moderna: "El Imperio Español, de Colón a Magallanes", 2006; "El Imperio Español de Carlos V", 2010; "Felipe II: El señor del mundo", 2013, declárano como un namorado do Imperio Español do s. XVI. Tamén o atrae a fascinación da independencia cubana en: "Cuba: La lucha por la libertad", 2011. A súa militancia europeísta, no contexto dunha Inglaterra euroescéptica, plásmase en: "Europe: The radical Challenge", 1973.
Ademais da investigación histórica, Thomas síntese moi atraído polo relato de ficción, que cultiva en publicacións novelísticas como: "The World`s game", 1957; "The Oxygen Age", 1958 e "Klara", 1988.